O Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xurés acollerá do 10 ao 12 de outubro a Multiactividade no Xurés.
Esta proposta está pensada para persoas adultas que buscan unha escapada diferente que combine deporte, cultura e descanso en plena natureza.
Multiactividade no Xurés: deporte, cultura e relax en outubro
Durante tres días, as persoas participantes poderán vivir experiencias únicas como practicar kayak no Encoro de Salas, rodeados de paisaxes singulares e restos megalíticos; realizar a ascensión á Fontefría, na fronteira con Portugal, nun percorrido de montaña catalogado como de dificultade fácil; ou participar nun curso e carreira de orientación deportiva.
A iniciativa inclúe visitas culturais e termais. Tamén conta con encontros coa etnografía local, ofrecendo así unha experiencia integral que mestura aventura e coñecemento do territorio.
O programa contempla dúas noites de aloxamento no Aviva Outdoor Sports Center (Maus de Salas), con almorzos e ceas, material técnico, guías titulados e seguro de actividade. Ademais, os grupos serán reducidos para garantir unha atención personalizada.

As prazas son limitadas e requiren reserva previa.