Eventos

Programación de Nadal 2025 en Barbadás

O Concello de Barbadás ofrece este Nadal unha programación ampla con unha vintena de actividades destinadas a todos os públicos.

A proposta reúne teatro, concertos, obradoiros, festivais, torneos e accións solidarias.

Programación de Nadal 2025 en Barbadás

O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, destacou que será “un Nadal cheo de color, ledicia, música, deporte, cultura e actividades sociais”. Ademais, animou á veciñanza a apoiar o comercio local, ao consideralo unha peza esencial da economía e dinamización social do municipio.

Programación de Nadal 2025 en Barbadás
Foto: Concello de Barbadás

Os festexos comezarán este venres co acendido da árbore e da iluminación de Nadal. Desde as 18:00 horas haberá animación musical na rúa Viso, número 1, antes da tradicional conta atrás do acendido, prevista para as 19:00 horas. A xornada rematará cunha chocolatada popular.

A tenente alcalde, Victoria Morenza, subliñou o esforzo por levar o alumeado aos distintos núcleos: “Este Nadal está centrado na dispersión xeográfica, imos levar o alumeado ata o último recuncho do municipio”. Toda a iluminación será LED, algo que permitirá reducir o consumo enerxético.

Programación cultural

A programación cultural, presentada pola concelleira Ana Peleteiro, inclúe espectáculos como “Zasca”, do Mago José Rivera; o concerto da Banda Musical Infantil da Escola de Música Municipal; o Festival de Panxoliñas; e propostas teatrais como “Os contos do Lobicán”. “Queremos que as veciñas e veciños desfruten destas datas, que interactúen e socialicen”, explicou.

Papá Noel e Os Reis Magos percorrerán diferentes puntos de Barbadás, con dispositivos especiais coordinados pola Concellería de Emerxencias que dirixe Daniel Rey.

Programación deportiva e social

O deporte tamén terá un papel destacado. A concelleira Noemí Pintos convidou á cidadanía ao torneo benéfico prebenxamín Memorial Javier Carid “Abuelo”, que recollerá alimentos para o Banco de Alimentos.

No ámbito social e sanitario, a concelleira Elisabet González avanzou o Obradoiro de Doces de Nadal para persoas celíacas, aberto tamén ás familias. Servizos Sociais continúa coa recollida de xoguetes para familias vulnerables, que o Banco Solidario entregará nas vindeiras semanas.

Comercio local

A concelleira de Comercio, Marga Pérez, lembrou que segue aberto o prazo para participar no concurso de escaparates decorados e no concurso de balcóns e portais. “É un xeito de que a veciñanza participe e colabore en facer máis bonito o municipio”, afirmou. As inscricións poden presentarse ata este venres ás 14:00 horas nos rexistros municipais ou na sede electrónica. A votación, aberta a toda a veciñanza, será telemática entre o 10 e o 17 de decembro.

Programación de Nadal 2025 en Barbadás

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.