O acendido das luces do Nadal dará inicio este venres, 5 de decembro, á programación festiva do Concello de Ourense para o Nadal 2025/2026, cun concerto tributo a Joaquín Sabina que marcará o ton dunha oferta pensada para todos os públicos.
A programación incluirá unha ampla relación de propostas que apostan por dinamizar o centro urbano e atraer visitantes.
Ourense acende o Nadal cun concerto tributo a Sabina
Haberá Mercado de Nadal no Parque de San Lázaro e o Poboado do Nadal na Praza do Bispo Cesáreo. Non faltarán o tradicional Belén de Arturo Baltar na Praza de San Cosme, o Carrusel e o Tren Nadal Express na Praza Maior.

A presenza de Papá Noel será outro dos puntos fortes. O sábado 20 percorrerá o centro da cidade co seu séquito e os seus renos, mentres que os días 21, 22 e 23 recibirá a rapazada no Poboado do Nadal. O día 23 ofrecerá ademais un espectáculo no Auditorio Municipal, repartido en tres sesións. Durante estas datas, unha carroza musical con distintos grupos ambientará as rúas, e a Festa de Fin de Ano contará coa actuación de Kubo Orquestra.
O Auditorio Municipal acollerá parte esencial da programación cultural. Alí terán lugar os espectáculos e concertos de Ángel Martín, a Banda de Gaitas Nova Era, Carlos Núñez, Reinventio, A granxa de Zenón, o Revolution Tour (tributo a ABBA), o Gran Concerto de Aninovo de Rubén Simeó, El Mago de Oz e a novena edición do Galicia Magic Fest.
No apartado deportivo, Ourense volverá despedir o ano coa San Silvestre o 31 de decembro. Tamén dará a benvida ao 2026 coa tradicional Subida á Costiña de Canedo o 1 de xaneiro.
A programación pecharase o 5 de xaneiro coa clásica Cabalgata de Reis. Esta sairá ás 18:00 horas da estación intermodal e percorrerá Gómez Franqueira, avenida das Caldas, Ponte Romana, O Progreso e a Praza Maior.