Ourense converterase mañá nun gran escenario do terror coa celebración da Noite de Medo 2025, unha das festas máis agardadas do calendario ourensán.
O Concello preparou unha programación con actividades para todos os públicos, obradoiros, animación de rúa, música e espectáculos que se prolongarán até a madrugada.
A Noite de Medo 2025 en Ourense enche o centro de terror
A xornada festiva arrincará ás 17.00 horas no Parque de San Lázaro, con obradoiros de cabazas e maquillaxe infantil, que se estenderán até as 19.45 h. Ao mesmo tempo, na Praza do Bispo Cesáreo, abrirá o temido Túnel do Terror, que permanecerá operativo entre as 18.00 e as 23.00 horas.
O tradicional desfile de Halloween sairá ás 19.00 horas desde o Parque de San Lázaro e percorrerá a rúa do Paseo até a Praza Maior, onde a partir das 19.45 h comezará a animación de rúa na zona dos Viños.
A música será protagonista a partir das 20.00 h, coa actuación infantil de Oviravai na Praza Maior e o espectáculo “Chaioso de Medo”, que animará as rúas da Praza Maior e Santa Eufemia até as 23.00 horas. O broche da noite poñerao o concerto de Heredeiros da Crus, que comezará ás 23.00 h na rúa do Progreso. A festa continuará coa Gramola Especial Halloween, desde a medianoite até as 3.00 h, tamén na Praza Maior, onde será obrigatorio acudir disfrazado.

Dispositivo de tráfico e transporte
Esta programación implica un amplo dispositivo de tráfico no centro da cidade. A rúa do Progreso pecharase desde as 11.00 horas entre a glorieta de San Rosendo e a baixada á Alameda. A partir das 13.30h, só poderán acceder á rúa do Paseo residentes e usuarios de garaxes. Desde as 19.00h, a vía quedará totalmente cortada polo desfile. As rúas do centro histórico permanecerán pechadas desde as 17.00h.
Os autobuses urbanos modificarán os seus percorridos entre as 11.00 e as 5.00 h do sábado. En dirección ao Xardín do Posío circularán por Xoán XXIII, Concello, Bedoya e Pena Trevinca, mentres que en sentido ao Parque de San Lázaro seguirán rutas alternativas segundo o tramo horario.