A Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo renovou a súa xunta directiva para o período 2026-2030, cun equipo presidido por Marisol Delgado que combina experiencia e novas incorporacións.
O proceso electoral celebrouse o domingo 8 de marzo de 2026, coincidindo co Día Internacional da Muller, cunha única candidatura.
Marisol Delgado preside a nova directiva veciñal de Seixalbo
Delgado destacou que o novo equipo representa «unha feliz mestura de experiencia e renovación, que permite re-ilusionar ao equipo e tamén á propia comunidade veciñal».

O ata agora presidente, Xosé Carballido, deixou o cargo tras cumprir os dous mandatos consecutivos que permiten os estatutos. Durante o acto de relevo subliñou o simbolismo da data: «recibín hai oito anos este bastón de mando de mans dunha muller e entrégollo hoxe a outra muller; este é o verdadeiro empoderamento». Posteriormente fixo entrega da Aguillada de Mando á nova presidenta como símbolo da súa autoridade.
A directiva saínte destacou nos últimos anos polo impulso a actividades culturais na vila e as mobilizacións para conseguir fibra óptica. Tamén a defensa dun servizo de transporte público digno, ademais da colaboración veciñal durante a pandemia da COVID-19.
Na súa primeira intervención, Marisol Delgado asegurou que a prioridade será seguir traballando polos veciños e veciñas de Seixalbo, cun equipo paritario e ilusionado para esta nova etapa.
A pesar de tratarse dunha única candidatura, o 60 % do electorado participou na votación, amosando así o respaldo ao novo equipo directivo.