O Concello de Ourense e a empresa concesionaria Avanza instalarán desde o luns 15 até o luns 22 de setembro unha carpa informativa en diferentes barrios da cidade para dar a coñecer a nova rede de liñas de autobuses urbanos, que entrará en funcionamento o martes 16.
A iniciativa busca achegar á cidadanía os cambios no servizo, coincidindo coa Semana da Mobilidade.
Concello e Avanza achegan á veciñanza a nova rede de autobuses
A carpa abrirá polas mañás, de 11.00 a 13.00 horas, en distintos puntos da cidade. Polas tardes, de 17.00 a 20.00 horas, estará fixa na Praza do Bispo Cesáreo.
O percorrido matinal comezará o luns en Bispo Cesáreo (Alameda), continuará o martes na explanada da estación intermodal, o mércores na residencia da rúa Ramón Puga (xunto ao quiosco), o xoves na Avenida da Universidade (número 18), o venres na Praza da Mariña, o sábado e domingo repetirá na Praza do Bispo Cesáreo e o luns seguinte pechará o calendario no Parque de San Lázaro.
Ademais, o Concello lembra que o transporte urbano será gratuíto desde o martes 16 até o luns 22 de setembro. Esta medida ponse en marcha para promover o uso do bus durante a Semana da Mobilidade.



