O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, destacou este martes o “éxito” da primeira xornada ordinaria de funcionamento das novas liñas de autobuses urbanos, coincidindo co inicio do servizo de pago tras unha semana gratuíta de adaptación.
Segundo explicou o rexedor, a rede implantada o pasado 16 de setembro superou con nota a “proba de lume”.
Jácome celebra a puntualidade da nova rede de autobuses
“En todas as mostraxes que fixemos houbo unha puntualidade superior ao 95%”, asegurou. Jácome comparou estas cifras coa situación anterior, onde a puntualidade “en ocasións rondaba o 50%”, e recalcou que agora “roza o 100%”.

O alcalde valorou este resultado como unha “excelencia” da nova rede, ao tempo que subliñou a mellora para os usuarios: “É unha noticia boísima, xa que supón un cambio total. Significa que os ourensáns non teñen que estar minutos e minutos agardando a ver cando chega o seu autobús. Saben que teñen unha puntualidade británica”.