O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destacou hoxe o labor da Policía Local do Barco de Valdeorras como “un corpo que está á vangarda da proximidade, a prevención e a seguridade viaria”.
Fíxoo durante a inauguración das novas instalacións policiais, situadas na rúa Doutor Pérez Lista, nun acto no que estivo acompañado polo alcalde, Aurentino Alonso.
Novas instalacións para a Policía Local do Barco
Eladio Santos felicitou ao Concello pola posta en marcha dun espazo moderno, renovado e funcional, que mellora as condicións de traballo do corpo municipal. Subliñou que “investir na Policía Local é investir en seguridade e convivencia” e puxo en valor a aposta municipal por dotar aos axentes de medios axeitados para exercer o seu labor con profesionalidade.

Na súa intervención, o subdelegado recoñeceu o esforzo diario dos efectivos, aos que definiu como “a primeira referencia para a cidadanía”. Segundo indicou, o seu traballo ten presenza constante “nas rúas, nas escolas, nos barrios e nos comercios”, contribuíndo a resolver os problemas cotiáns da veciñanza.
Santos tamén agradeceu a colaboración da Policía Local coa Dirección Xeral de Tráfico. Lembrou que O Barco de Valdeorras é a única localidade da provincia onde se realizan exames prácticos de conducir. Ademais, salientou a implicación do corpo nas campañas de tráfico, controis preventivos e a súa coordinación permanente coa Garda Civil. “A prevención e a educación viaria son ámbitos nos que o seu labor resulta imprescindible, aínda que ás veces pase desapercibido”, apuntou.
Distincións pola actuación na DANA
No marco do acto, o subdelegado do Goberno entregou distintivos honoríficos do Ministerio do Interior a tres membros da Policía Local pola súa participación nos dispositivos de emerxencia e seguridade durante a DANA de 2024, que afectou á Comunidade Valenciana, Castela-A Mancha e Andalucía.
Os axentes recoñecidos foron Fernando Hernández González, Gonzalo González Prada e José López García. Santos agradeceulles a súa implicación directa nas tarefas de seguridade, atención á cidadanía, labores humanitarias e de reconstrución, destacando que “foi un traballo complexo e necesario que reflicte a clara vocación de servizo público da Policía Local”.

