A moción de censura presentada polo PSdeG-PSOE e o BNG prosperou e Viana do Bolo conta dende hoxe cun novo goberno municipal progresista.
O acordo garante estabilidade política e comprométese cunha xestión “responsable e transparente”, cun marco de cooperación baseado na corresponsabilidade solidaria e leal entre ambas formacións.
Nova etapa política en Viana do Bolo tras prosperar a moción de censura
O socialista Germán García-Ávila Arias asumiu hoxe a alcaldía, cargo que exercerá ata o 18 de agosto de 2026. A partir desa data, e segundo o pacto asinado, un representante do BNG tomará o relevo ata o final da lexislatura. Para asegurar unha participación equilibrada, constituirase unha xunta de goberno local con dous membros de cada grupo, elixidos polas súas respectivas organizacións.

Dende o grupo municipal socialista destacaron a súa vontade de “facer unha Viana máis amable, máis habitable para a veciñanza e máis presentable para quen nos visita”. Engadiron tamén que traballarán con “diálogo e convencemento”, afastándose de medidas coercitivas. Subliñaron que a partir de agora “non representamos siglas, representamos a toda Viana”.
Na súa primeira intervención como rexedor, García-Ávila Arias cualificou de “honra” representar ao pobo e afirmou que o seu obxectivo será dar resposta ás carencias da cidadanía. “Non hai nada máis importante que ser alcalde de Viana. Nada me gustaría máis que estar á altura da veciñanza”, declarou.
O novo alcalde fixo un chamamento ao diálogo entre todas as forzas políticas, defendendo que “a pesar das diferenzas ideolóxicas, temos que traballar xuntos polo ben de Viana do Bolo”. Enfatizou que o seu goberno non se centrará na confrontación, senón na concordia, na escoita e no entendemento.
Tamén garantiu que a súa será unha etapa de “portas abertas” á cidadanía, lembrando que o concello é a casa de todos e non precisa cores políticas nin carnés para ser escoitado.
Finalmente, convidou á oposición a aportar ideas e trasladar peticións da veciñanza, asegurando que todas serán atendidas na medida do posible. “Nos últimos anos nós traballamos con propostas construtivas e queremos seguir nesa liña polo ben común de Viana”, concluíu.