O caso do Rei Baltasar irá á Valedora do Pobo para denunciar a súa participación na Cabalgata de Reis tendo dúas condenas por abuso sexual.
O Partido Socialista de Ourense trasladará unha queixa á Valedora do Pobo trala polémica acontecida na Cabalgata de Reis. «Parécenos un feito gravísimo dende unha dobre vertente, a ética e a legal», destacou Silvia Fraga, secretaria de Igualdade do PSdeG-PSOE.
O caso do Rei Baltasar irá á Valedora do Pobo
Os socialistas de Ourense consideran que a Valedora do Pobo é unha «importante defensora dos dereitos da infancia e da adolescencia así como a encargada de velar polo cumprimento da lexislación que os protexe». Por este motivo, denunciarán nesta institución que «unha persoa que cometeu delitos tan graves contra varias mulleres estea ao fin e ao cabo representando ó Concello nun acto dirixido a nenos e nenas».
Marga Martín, responsable de Políticas Sociais do PSdeG-PSOE, indicou que “a normativa de protección de menores establece claramente que todas as actuacións das entidades públicas e privadas en materia de infancia deben protexer o interese superior do menor por riba de calquera outro interese”. Recorda Marga Martín que durante a celebración da cabalgata «centos de nenos e nenas desta cidade se achegaron a un delincuente sexual».
Pola súa banda, a voceira municipal do PSdeG-PSOE e secretaria local dos socialistas ourensáns, Natalia González, sinalou que «estamos nun contexto no que non debemos permitir que se frivolice coa violencia machista e cos dereitos dos menores». «As políticas de igualdade e a loita contra a violencia de xénero están moi presentes na axenda do PSdeG-PSOE e non imos deixar de dar a cara por elas», destacou a voceira municipal.