O PSdeG-PSOE de Ourense propón crear un cemiterio multicultural e supramunicipal que permita acoller a persoas de calquera crenza.
A proposta do grupo socialista da Deputación de Ourense pide que sexa esta entidade provincial quen se faga cargo desta infraestrutura.
O PSdeG-PSOE propón crear un cemiterio multicultural
O acto de presentación desta moción tivo lugar en Xinzo de Limia. Elvira Lama, alcaldesa de Xinzo estivo acompañada polos deputados provinciais Rafa Villarino, Susana Rodríguez, Nacho Gómez e Marga Pérez. Tamén estiveron presentes Luis Gulín, secretario provincial de migracións, e Mohamed Nouri, imán da vila.
Acoller todas as crenzas relixiosas ou prácticas mortuorias sería o obxectivo principal desta instalación. «Debemos facilitar os proxectos de vida de todas as persoas en condicións de igualdade e para alcanzar unha integración plena, a morte, como parte da vida, tamén debe formar parte dos nosos plans», destacan os deputados socialistas.
Este cemiterio multicultural disporía de espazos separados segundo as distintas rexións do mundo e un deseño adaptado ás distintas culturas e relixións.
«Esta iniciativa nace coa vontade de dar resposta a unha nova situación social que vive a provincia, coa chegada de persoas procedentes de todas partes do mundo», indicou Elvira Lama. «A integración é un fenómeno que inclúe numerosos aspectos e entre eles está a morte e a memoria dos defuntos e defuntas».
Mohamed Nouri, imán de Xinzo, destacou os problemas da poboación musulmá ó ter que enterrarse provisionalmente en outras provincias como Madrid ou Burgos ou facerse cargo da repatriación.
Actualmente, na provincia de Ourense existen numerosos lugares de culto a maiores dos da Igrexa Católica. Segundo o Observatorio do Pluralismo Relixioso, na provincia de Ourense existen (novembro 2021):
- 20 templos Evanxélicos,
- 6 de Testemuñas de Jehová,
- 4 da relixión Musulmá,
- 2 Budistas,
- 2 Adventistas e
- 2 da Igrexa de Xesucristo dos Santos dos Últimos Días