O voceiro socialista na Merca, Carlos Sousa, denuncia a opacidade do goberno local e o atraso na presentación dos orzamentos de 2026.
Segundo trasladou o propio grupo municipal, o Concello continúa sen proxecto de contas pese a que a lei fixa o 15 de outubro como data límite.
O PSOE da Merca critica o atraso orzamentario
“Estamos ante un goberno que nin ten a aptitude para xestionar os recursos públicos, nin a actitude necesaria para escoitar á veciñanza e á oposición”, afirmou o edil, quen critica que o executivo redacte as contas “a porta pechada”.

Sousa cualificou tamén de “declaración de bancarrota moral” as palabras dun Tenente de Alcalde do PP que asegurou que o municipio “non é viable”. “Un municipio é viable cando hai xestión e transparencia; o que non é viable é a súa forma de gobernar”, sostivo.
O concelleiro solicitou o estado de execución do orzamento prorrogado para fiscalizar o gasto e advertiu que non descarta presentar unha emenda á totalidade se o documento final non atende prioridades como a seguridade e a transparencia.
