A Agrupación Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense presentou esta mañá a programación do Orgullo 2025, que contará con varios actos reivindicativos e simbólicos na cidade e na provincia.
A iniciativa, impulsada en colaboración coas Xuventudes Socialistas, pon o foco na memoria da loita do colectivo LGTBI e na defensa dos dereitos conquistados, vinte anos despois da aprobación do matrimonio igualitario en España.
O PSOE organiza o Orgullo 2025 en Ourense con memoria e activismo
A programación organizada polo PSdeG-PSOE e as Xuventudes Socialistas inclúe actos na cidade e en Celanova para conmemorar os 20 anos do matrimonio igualitario.

A secretaria xeral dos socialistas ourensáns, Natalia González, lembrou que “as raíces da loita LGTBI tamén están na nosa terra”. Citou González o histórico caso de Pedro Díaz e Muño Vandilaz, veciños de Rairiz de Veiga. Estes homes foron unidos en 1061 por un sacerdote, no que se considera unha das primeiras unións entre dous homes rexistrada en Europa. “Con historia propia, fomos e seguimos a ser terra de diversidade”, asegurou.
González destacou tamén o papel do PSOE como “motor de transformación social”, celebrando o papel de figuras clave como Pedro Zerolo e do goberno de José Luis Rodríguez Zapatero. “Grazas ao seu traballo, o noso país converteuse en pioneiro na defensa dos dereitos das persoas LGTBI. Pero non imos dar un paso atrás: seguiremos defendendo o dereito fundamental a vivir sen medo e en liberdade”.
Acto en Celanova
Desde a Executiva Provincial, o secretario de Dereitos LGTBI, Javier Alén, puxo en valor a creación desta nova área no partido. Alén destacou que esta área “pretende dar visibilidade política ás vidas LGTBI, á súa loita e á súa memoria”. Alén avanzou que o acto central do Orgullo terá lugar este venres, ás 20:00 horas, na Praza de Cervantes de Celanova, “un referente provincial na conmemoración desta data”.

Antes, ás 18:00 horas, terá lugar na sede do PSOE en Ourense a tradicional izada da bandeira multicolor. O secretario de Dereitos LGTBI da Executiva Municipal, Bryant Álvarez, explicou que este ano decidiron ampliar a programación. Xa na semana pasada organizaron un acto participativo na rúa do Paseo, onde a veciñanza definiu con adxectivos positivos a distintas figuras históricas do colectivo. “Quedou claro que o amor venceu ao odio e que a nosa cidade é Orgullo”, concluíu.