O PSdeG-PSOE de Ourense e as Xuventudes Socialistas celebraron este xoves na Praza Cervantes de Celanova o acto central da Semana do Orgullo LGTBI+, cunha emotiva homenaxe aos 20 anos da aprobación do matrimonio igualitario.
A efeméride foi reivindicada como “unha das maiores conquistas democráticas da historia recente de España”.
O PSdeG-PSOE conmemora en Celanova os 20 anos do matrimonio igualitario
O evento contou coa presenza de ducias de veciños e veciñas, así como cargos institucionais e orgánicos socialistas de toda a provincia. Durante os discursos, destacou a mensaxe clara de defensa dos dereitos e liberdades do colectivo LGTBI+ fronte ao que cualificaron de “retroceso ideolóxico da dereita actual”.

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo, puxo en valor “o traballo e o compromiso histórico do PSOE na loita pola igualdade e o respecto”. Tamén resaltou a relevancia simbólica de escoller Celanova. Vila definiu como “berce da cultura”, esta vila que foi escenario dun acto que busca visibilizar “os avances sociais conseguidos e os retos pendentes”.
Pola súa banda, o voceiro do grupo provincial socialista e alcalde de Taboadela advertiu que “non podemos baixar a garda”. Sinalou que a resposta fronte ao odio debe ser firme: “máis dereitos, máis igualdade, máis liberdade e máis respecto”.
Desde as Xuventudes Socialistas, o secretario provincial Borja López Fernández subliñou que “ser LGTBI segue a ser un acto de valentía en moitos recunchos do rural galego”. López animou aos concellos a pendurar a bandeira LGTBI: “Non é unha cuestión de ideoloxía, é unha cuestión de humanidade”.
Tamén interveu o secretario de Dereitos LGTBI da Executiva Provincial, Javier Alén, quen reivindicou a dimensión política do Orgullo como “un acto de resistencia”. Lembrou que “por máis que se queira disfrazar de apolítico, celebrar o Orgullo é sempre un acto político e de loita fronte á axenda ultra que tenta derrogar dereitos”.
A concelleira de Igualdade de Celanova, Teresa Barge Dapía, pechou o acto destacando o compromiso do municipio co colectivo LGTBI+. Barge repasou as actividades organizadas polo Concello para conmemorar esta data, que inclúen exposicións, obradoiros e accións de sensibilización social.