Noticias

Maceda aproba os orzamentos de 2025

O Concello de Maceda aprobou este xoves, nun pleno extraordinario e con carácter de urxencia, os orzamentos municipais para 2025, rematando así con tres anos consecutivos de contas prorrogadas desde 2022.

A sesión, cun único punto na orde do día, contou coa presenza do secretario provincial do PSdeG-PSOE, Álvaro Vila, evidenciando a relevancia política do momento para o municipio.

Maceda aproba os orzamentos de 2025

A alcaldesa, Uxía Oviedo, subliñou que a situación debía resolverse “de xeito moi urxente” para garantir o pago de nóminas, provedores e o funcionamento municipal.

Maceda aproba os orzamentos de 2025
Foto: PSdeG

A diferenza entre as contas prorrogadas e as necesidades reais ascendía a uns 550.000 euros. “Era fundamental a súa aprobación para non bloquear o Concello”, afirmou, lembrando que todos os servizos básicos continuaron prestándose con normalidade.

A rexedora explicou que o gasto de persoal previsto para este ano é de 1.766.000 euros fronte aos 1.555.000 prorrogados. O gasto corrente pasa de 675.000 a 798.000 euros, cifras que facían inviable manter as contas anteriores sen recorrer a financiamento externo. Nos últimos tres anos, o consistorio adheriuse a préstamos ICO para pagar facturas, incluído un último en 2024 por valor de 449.000 euros.

Malia estas dificultades, Oviedo destacou que o investimento municipal se mantén grazas ás achegas da Deputación e da Xunta. Neste eido é clave o Plan CooperOu impulsado pola corporación provincial, que “permite aos concellos pequenos desenvolver proxectos básicos e urxentes”. Tamén reclamou á Xunta un cambio na xestión dos recursos para evitar a “competición entre concellos veciños”.

A aprobación das contas foi posible grazas ao acordo alcanzado entre PSdeG-PSOE e BNG, co compromiso de iniciar tras o verán os traballos para elaborar os orzamentos de 2026 e evitar novas prórrogas.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.