Os Farrumecos de Sobradelo – Texto de Rochi Nóvoa Vázquez
Os Farrumecos de Sobradelo de Xunqueira de Ambía foron recuperados grazas á colaboración da veciñanza atravese da cultura oral, das súas lembranzas saíndo á rúa por vez primeira no 2019. A día de hoxe sábese que son comúns aos concellos de Baños de Molgas e Vilar de Barrio, pola proximidade a estes.
Os Farrumecos de Sobradelo
Faise moi difícil poder datar as súas orixes, aínda que sabemos que saían antes do Entroido e ás veces acompañábanse dos Felos, de aí que o día de saída cara o público se faga o domingo corredoiro.
Adoitaban saír tanto de noite como de día, eran tremendamente fedello, besbellos, bulideiros e gozaban soltando o gando, tocando as campas da igrexa, collendo ovos dos galiñeiros, descolocando todo, cambiando o curso da auga , atrancaban camiños e portas entre outras fazañas rebuldeiras.
Adoitaban a facer “O Reinado“ saíndo toda a comitiva, que era a aldea toda, maiores e catives detrás dun burro onde as coplas e cancións cobraban un papel importante no camiño, mentres se escoitaban as críticas e as novas máis destacadas do ano a modo de sátira e burla.
Polo xeral era común que quen se vestiran foran os homes con roupas de mulleres, vestidos, cinguideiros, toucas, capas e colares . Polo que sempre foron personaxes divertidos, xoviais e era habitual velos bailando, levantando saias, baixando pantalóns… Xa que ninguén quedaba inmune.
A máscara
Caracterízanse pola súa máscara branca, que dende este ano hai un molde feito por Xosé Manuel Seixas, e pese que haber dous tamaños, ningunha máscara é igual a outra, xa que a elaboración é sobre todo manual, o proceso de elaboración, non é complicado pero require unha media de 4 a 5 días para telas rematadas.
Sobre a máscara, colócase un pano tradicional da cor que máis lle preste a cada quen e unha capa negra chea de lazos de cores pendura dos ombreiros, incluso unha touca. As cores do resto do vestiario son vivas e rechamantes, rozando o charramangueiro.
Non faltan tampouco os colares de castañas, bugallos, allos e/ ou cebolas, para dar unha pincelada, quedando a elección do Farrumeco ou Farrumeca o uso de luvas brancas ou negras e algunha verza, xesta, caxato ou vara, nunca para pegar, senón para enredar.
Os Farrumecos caracterízanse por ser silenciosos e caladiños, para poder actuar libremente sen ser vistos ou ouvidos.
Afortunadamente, están sendo convidados a irmandades de Entroidos, polo que o número cada ano é ascendente.
Copla
Esta pequena copla
quérovos deixar
mándana os Farrumecos
para vos convidar
que de penas está a vida chea
vivide cada Entroido
deixádevos aconsellar
como se mañá fósedes faltar
A Sobradelo podédevos achegar
subir á Pinceira
e baixar A Cal
polo camiño trasnadas non van faltar
Vixiádevos de toxos, xestas e verzas
Xa que din que andan nas leiras
seguide aos bugallos e aos allos
que repenican no campanario
E se non vos trataron mal
Convidades quedades para o ano