O Concello de Ourense aprobou hoxe por unanimidade, durante o pleno ordinario, unha declaración institucional en apoio á Plataforma en defensa do tren da Gudiña.
A iniciativa manifesta o respaldo da corporación municipal ás demandas da plataforma, que rexeita a supresión de servizos ferroviarios na estación da Gudiña.
Ourense apoia á Plataforma en defensa do tren da Gudiña
Na declaración, o Concello advirte do “grave prexuízo” que a perda destas conexións supón para os usuarios e para as comarcas que dependen deste enclave estratéxico. A estación da Gudiña está considerada unha porta de entrada a Galicia e un nó clave de acceso á alta velocidade para territorios como Valdeorras, Monterrei, o Bierzo e o norte de Portugal.

O texto aprobado reclama ao Ministerio de Transportes e a RENFE a restitución inmediata das frecuencias suprimidas e compromete ao Concello a dar visibilidade institucional e política á causa. Tamén se abre á colaboración con outras administracións e colectivos implicados para defender un transporte público de calidade e accesible.
Como mostra de apoio, unha ampla representación do Goberno municipal e da corporación asistirá este sábado, 2 de agosto, ás 18:30 horas, á manifestación convocada pola Plataforma en defensa do tren da Gudiña na Estación Vella da localidade.