O Ourense Atletismo proclamouse campión galego de clubs en categoría feminina ao impoñerse con autoridade no Campionato Galego ao Aire Libre.
Completa así un dobrete histórico no 2025 tras gañar tamén o de pista curta.
O Ourense Atletismo logra o dobrete no Campionato Galego
As atletas ourensás sumaron 142 puntos, fronte aos 113 da Gimnástica de Pontevedra, nunha actuación sólida tanto pola mañá como pola tarde.
Dende as primeiras probas, as mulleres do Ourense Atletismo posicionáronse na cabeza. Alba Arranz foi segunda en martelo cun lanzamento de 42.07 metros, mentres que Iria Solera venceu no salto de altura cun rexistro de 1.60. Arancha Vázquez foi segunda nos 100 metros lisos (12.42), e María Ezquerro impúxose no disco cun potente lanzamento de 44.14. A xornada matinal pechouse coa vitoria no relevo 4×100 (48.86), resultado que xa situaba o club en primeira posición.
Pola tarde, o dominio consolidouse: Aitana Capeáns levou o ouro en peso (12.62), Andrea Reija nos 100 valos (14.54), África Gómez nos 200 metros (26.20), Yiset Magali Jiménez na xavelina cun formidable tiro de 56.51, Alba Martínez no triplo salto (11.80), e Leyla Villar nos 3.000 obstáculos cun tempo de 11:17.68. Sumaron tamén valiosos puntos as segundas posicións de Manuela Blanco en pértega (3.66), Aroa Muñoz nos 400 (57.52), Itzíar Manso nos 3.000 lisos (10:17.39) e o relevo 4×400 (4:04.51).
En categoría masculina, os representantes do Ourense Atletismo finalizaron oitavos nun campionato moi igualado. Comezaron con forza e tras a mañá estaban en sexta posición. Destacaron Nicolás Collazo (filial Xuncas), segundo nos 5.000 marcha con 22:03.80, Unai Loureiro (Riazor Coruña), terceiro en lonxitude con 6.90, e Antón Cillero (Riazor Coruña), tamén terceiro nos 100 metros cun tempo de 11.15.

Na segunda metade da competición, a pesar do esforzo, os resultados non foron tan positivos e remataron oitavos con 63 puntos, once por debaixo dos 74 logrados polo Lucus Caixa Rural.
O Ourense Atletismo pecha así un gran capítulo da tempada cun novo título autonómico feminino e a esperanza de seguir medrando en ambas categorías.