O Concello de Ourense porá en marcha desde mañá xoves, 23 de outubro, unha nova liña de reforzo do servizo de autobuses urbanos que conectará o Parque de San Lázaro coa Avenida de Zamora, á altura da rotonda de acceso á Finca Sevilla.
O vehículo circulará en bucle ao longo deste percorrido, co obxectivo de mellorar a mobilidade no corredor sur da cidade.
Novo autobús circular entre o Parque de San Lázaro e Mariñamansa
Esta medida enmárcase no proceso de optimización do transporte público impulsado polo Concello, que busca adaptar o servizo á demanda real de persoas usuarias. Segundo explican desde o goberno local, unha vez equilibrado o corredor norte —entre o Parque de San Lázaro e O Vinteún—, o reforzo trasládase agora á zona sur para desconxestionar o tráfico nas horas punta e aliviar a presión sobre as liñas 3 e 4, que experimentaron un notable aumento de pasaxeiros.

O autobús de reforzo comezará a funcionar ás 7.00 horas, coa primeira saída desde a parada de Xoán XXIII (detrás da Subdelegación do Goberno) en dirección a Mariñamansa, e manterá o servizo até as 15.00 horas, cando realizará o último traxecto de regreso cara ao Parque de San Lázaro.