Ourense reunirá esta fin de semana á elite do hóckey sala nacional coa celebración do Campionato de España, que se disputará no anexo do Pavillón dos Remedios desde o venres 6 ata o domingo 8.
O Campionato de España de hóckey sala, que alcanza a súa 73ª edición, presentouse esta mañá no salón de plenos do Concello de Ourense como unha cita de referencia nun deporte con fonda tradición na cidade. O torneo contará coa participación dos oito mellores equipos do panorama estatal.
Ourense acolle a elite do hóckey sala nacional
Entre os aspirantes ao título destaca o Club Hóckey Barrocás, que exerce de organizador e anfitrión. No acto de presentación participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira; o presidente do club ourensán, Jaime Amorín; Fran Masid, en representación da Federación Galega; Quique Álvarez, pola Deputación Provincial de Ourense, e Carlos Bericat, da Xunta de Galicia.

A competición atraerá á cidade arredor de 400 persoas, entre xogadores, corpos técnicos e afeccións, cun impacto directo na actividade hostaleira e comercial. A xornada inaugural arrincará o venres ás 11:30 h, mentres que a clausura e entrega de medallas terá lugar o domingo ás 13 h.
Grupos e sistema de competición
O CH Barrocás competirá no Grupo B, xunto ao Real Club de Campo de Madrid, SPV Complutense Madrid e CH Carpesa Valencia. Pola súa banda, o Grupo A está integrado polo Júnior FC (Barcelona), Atlètic Terrassa HC, CD Málaga 91 e Benalmádena 1985.
Horarios do CH Barrocás (fase de grupos)
- Venres, 6 (15:15 h): CH Barrocás – SPV Complutense Madrid
- Venres, 6 (20:15 h): CH Barrocás – Real Club de Campo de Madrid
- Sábado, 7 (11:45 h): CH Barrocás – CH Carpesa Valencia
A representación ourensá
O Club Hóckey Barrocás suma unha ampla traxectoria na fase final do Campionato de España e, con esta edición, alcanzará as 13 participacións consecutivas. Nos últimos anos, o club logrou a medalla de bronce en tres ocasións. Para esta cita, presenta un equipo competitivo, inmerso nun proceso de substitución xeracional, integrado integramente por xogadores ourensáns, que aspiran a un bo resultado apoiados pola súa afección.

