O Grupo Provincial Socialista levará ao pleno da Deputación do 24 de xullo dúas mocións que apostan polo deporte como motor de desenvolvemento económico e social en Ourense.
As iniciativas céntranse na construción dun pavillón multiusos de ximnasia e na implantación real e efectiva do protocolo de protección de menores no ámbito deportivo.
O PSdeG propón que Ourense sexa capital da ximnasia galega
A primeira das mocións solicita á Deputación que lidere, en coordinación coa Xunta e os concellos, a creación dunha infraestrutura específica para a práctica da ximnasia, á vez que promove o recoñecemento oficial de Ourense como capital galega desta disciplina.

“Somos terra de ximnastas de elite, pero seguimos cunhas instalacións precarias”, denunciou o voceiro socialista, Álvaro Vila, quen lembrou o incumprimento do compromiso da Xunta, dende 2014, de construír un polideportivo en Mariñamansa cun orzamento de tres millóns de euros.
A segunda iniciativa, pola súa parte, insta a fortalecer a protección da infancia nos clubs deportivos, a través de formación, recursos e seguimento efectivo do protocolo aprobado polo Observatorio da Familia e da Infancia. Vila advertiu que a Xunta apenas ofreceu unha formación puntual e contidos online, o que compromete a súa aplicación real. Os socialistas propoñen incluír accións concretas na Axenda 2030 da Deputación, crear axudas específicas e desenvolver mecanismos de control.
“Ambas propostas responden a unha visión integral do deporte: por unha banda, as infraestruturas que permitan competir ao máis alto nivel; por outra, a protección dos máis vulnerables nunha contorna segura”, explicou Vila.
O voceiro do PSdeG salientou tamén que estas propostas reflicten o compromiso do seu grupo co deporte como eixe de cohesión social, e aproveitou para criticar o “triunfalismo” do PP na Deputación ao presentar como logros propios iniciativas socialistas. “Plan CooperOU, mellora da xestión de Meisa, transporte metropolitano, conservatorios ou vivenda son ideas que levamos anos defendendo desde o PSdeG”, subliñou.
Finalmente, o secretario provincial dos socialistas lamentou que o goberno provincial non recoñeza a autoría destas propostas: “É un logro que as asuman, pero tamén sería desexable un mínimo de honestidade política”.