O grupo municipal socialista propón ao Concello de Ourense respaldar unha declaración institucional para esixir o cesamento inmediato das hostilidades en Gaza e no resto dos territorios palestinos, instando a todas as partes a respectar o dereito internacional humanitario e a protexer á poboación civil máis vulnerable.
A iniciativa lembra que, desde outubro de 2023, a cidadanía palestina sofre unha violencia extrema, con milleiros de mortes, destrución de vivendas, escolas e infraestruturas básicas, así como desprazamentos forzosos que afectan de maneira especial a nenos e nenas.
O PSdeG pide ao Concello de Ourense unha declaración institucional en apoio a Palestina
“Como institución democrática, comprometida cos dereitos humanos e coa paz, o Concello de Ourense debe alzar a súa voz fronte á traxedia de Palestina”, sinala o texto.

Os socialistas subliñan ademais que a Administración local ten un papel clave na sensibilización social e na promoción da cultura de paz, polo que consideran fundamental reclamar o acceso seguro e sen restricións da axuda humanitaria, garantindo alimentos, medicinas e recursos básicos para a poboación civil.
A declaración inclúe tamén o respaldo ao recoñecemento do Estado de Palestina como medida esencial para avanzar cara a unha solución política baseada na coexistencia de dous Estados. Neste sentido, o texto manifesta apoio á posición do Goberno de España en organismos internacionais, en favor da paz, da xustiza e do levantamento do bloqueo sobre Gaza, así como da imposición de sancións a quen vulnera os dereitos humanos e da suspensión de calquera comercio militar vinculado coa agresión.
O PSdeG lamenta que o Concello de Ourense fose a única das grandes cidades galegas que non se sumou ao minuto de silencio promovido pola FEGAMP nin á lectura do manifesto en solidariedade co pobo palestino o pasado venres.