Noticias

Ourense avanza na dixitalización do Rexistro Civil

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destacou este martes o “gran compromiso” do Executivo central coa dixitalización e modernización dos servizos de atención ao cidadán.

Fíxoo durante a presentación da plataforma informática DICIREG na oficina do Rexistro Civil do Barco de Valdeorras, onde estivo acompañado polo alcalde Alfredo García.

Ourense avanza na dixitalización do Rexistro Civil

Santos subliñou que a dixitalización chega tamén ao rural: “Este acto aquí, no Barco de Valdeorras, amosa que a dixitalización non é só para as grandes cidades. O compromiso do Goberno é con tódalas persoas, residan onde residan”.

Durante a visita, anunciou que o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou este martes a entrada efectiva da aplicación DICIREG nas oficinas do Rexistro Civil dos partidos xudiciais de Celanova, Ribadavia e Xinzo de Limia. “Isto quere dicir que a provincia de Ourense avanza”, afirmou.

A ferramenta DICIREG permite a tramitación electrónica de expedientes. Tamén permite a inscrición dixital de feitos relativos ao estado civil das persoas, así como o acceso remoto e seguro á información. Grazas a este sistema, a cidadanía poderá xestionar online certificados e trámites de nacementos, matrimonios ou defuncións. Ademais, a plataforma facilitará o servizo a españois no exterior, xa que as Embaixadas e Consulados poderán acceder aos datos integrados nunha soa ferramenta.

Santos indicou que esta solución está adaptada ao novo modelo de Rexistro Civil. “Un rexistro do século XXI que permite a interoperabilidade entre Administracións Públicas e a diminución de tempos para os usuarios”, sinalou.

Foto: Subdelegación do Goberno

A implantación da ferramenta forma parte do proceso de modernización da xustiza que impulsa o Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes. “En definitiva, esta ferramenta marca un antes e un despois na forma en que a cidadanía se relaciona co Rexistro Civil”, concluíu o subdelegado.

O BOE publicou este martes tres resolucións que autorizan o funcionamento efectivo de DICIREG nas oficinas xerais e colaboradoras dos partidos xudiciais de Celanova, Ribadavia e Xinzo de Limia.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.