Ás oito da mañá iniciarase en Ourense a lectura da lista das 18.500 crianzas palestinas asasinadas en Gaza ata xullo, segundo o Ministerio de Sanidade palestino.
O primeiro nome será o de Noura Walid Abdulsalam Shaheen, unha bebé que non chegara a cumprir un ano de vida.
Veciños de Ourense lerán nomes das crianzas palestinas asasinadas
A día de hoxe, as estimacións elevan a cifra por enriba dos 20.000 menores falecidos polas bombas, as balas, a fame ou a falta de asistencia médica nun territorio devastado e illado polo bloqueo israelí á axuda humanitaria.
Máis dun cento de veciños de Ourense xa confirmaron a súa participación nesta lectura colectiva, que se desenvolverá en quendas de dez minutos. A acción, impulsada por radioliverdade.com, busca denunciar o “infanticidio masivo” e reclamar o fin da ofensiva contra a poboación civil. Para facilitar a implicación cidadá, a organización abrirá novas quendas e convida ás persoas interesadas a sumarse a través do teléfono 637 34 11 22, do correo radioliverdade@gmail.com ou directamente no lugar do acto.

Este acto solidario forma parte dunha mobilización internacional que xa se repetiu noutras cidades, como Madrid, onde o pasado luns se leu a mesma lista na Porta do Sol. O derradeiro nome que pecha a lectura é o de Iman Ibrahim Fathi Al-Bardawil, asasinado con 17 anos. En Ourense, a duración da acción podería superar as dezaoito horas e prolongarse ata a madrugada do sábado 20 de setembro.