A loita polo dereito constitucional á vivenda segue gañando forzas en Ourense. O pasado domingo 16 de marzo, o Espazo Veciñal de Ourense (EvOu) celebrou unha nova asemblea aberta na zona do Rianxo da praza de abastos das Burgas.
Medio cento de persoas asistiron para coordinar futuras accións e consolidar a organización do movemento.
Ourense mobilízase en defensa do dereito á vivenda
Durante a xuntanza, analizouse o traballo realizado polos grupos de acción desde o 9 de marzo e denunciouse o incumprimento por parte do Concello de Ourense e da Xunta de Galicia de medidas clave. Entre elas, a aplicación da Lei de Vivenda estatal, a declaración de zona tensionada e o incremento do IBI para penalizar as vivendas baleiras. Ademais, avanzouse na creación dunha normativa interna que fomente a participación horizontal e aberta da veciñanza.
Un dos puntos centrais da asemblea foi a organización da manifestación convocada para o 5 de abril. A marcha partirá ás 18:30 horas do Instituto Galego de Vivenda e Solo e rematará na Praza Maior. As principais demandas inclúen:
- redución dos prezos do alugueiro,
- loita contra a especulación inmobiliaria,
- prohibición das vivendas turísticas e
- a defensa do dereito a unha vivenda digna para todas as persoas.

Para consolidar as mobilizacións, o Espazo Veciñal Ourense convocou unha nova asemblea o sábado 30 de marzo na Praza Maior ás 18:30 horas. A organización subliña que a vivenda debe deixar de ser un negocio e converterse nun dereito garantido.
Os integrantes de EvOu lembran que a Constitución Española establece a función social da vivenda (artigo 33), o dereito a unha vivenda digna (artigo 47) e a intervención dos poderes públicos no mercado inmobiliario para defender o interese xeral (artigo 128).
A plataforma chama á participación cidadá para avanzar nun Ourense onde os dereitos das persoas estean por enriba dos intereses especulativos.