O goberno municipal de Ourense presentou unha proposta de modificación de crédito por valor de 25,7 millóns de euros destinada a investimentos na cidade.
O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, reuniu esta mañá a xunta de portavoces para expoñer o proxecto aos grupos municipais de PP, PSdeG-PSOE e BNG.
Ourense planea once proxectos con 25,7 millóns de investimento
A iniciativa, que deberá recibir o visto e prace do pleno, inclúe once actuacións de carácter urbano, ambiental e social. Pérez Jácome apelou ao apoio dos demais grupos, lembrando que “se trata de executar investimentos en obras e proxectos para a cidade”, do mesmo xeito que acontecera coa recente aprobación da modificación de crédito que fixo posible a remodelación do Parque de Canedo. Os portavoces volverán reunirse o venres para fixar posición.

Entre as principais partidas destaca a execución de ramplas mecánicas nos barrios da Cuña e na contorna da Rampla de Sas. Estas contarían cun investimento conxunto de case 9 millóns de euros. Tamén se prevén a restauración das pasarelas de Outariz e do Vao, a mellora de 40 parques infantís, a dotación de novos colectores de lixo e a creación de novas zonas verdes na praza Daniel González.
A proposta incorpora ademais fondos para cumprir sentenzas xudiciais pendentes con máis de 5,6 millóns de euros. Tamén contan con partidas para a redacción do Plan Especial de Protección das Burgas, así como a adaptación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
En total, os investimentos suman 25.732.660,98 euros, unha das maiores modificacións orzamentarias do actual mandato, coa que o executivo local aspira a transformar diferentes espazos urbanos e reforzar os servizos públicos da cidade.