O Concello de Ourense presentou a nova rede de autobuses urbanos, que entrará en funcionamento o martes 16 de setembro, coincidindo coa Semana da Mobilidade.
Ese día, como xa aconteceu o ano pasado, o transporte público será gratuíto para toda a poboación.
Nova rede de autobuses urbanos Ourense: 15 liñas e máis servizo
O plan supón unha transformación completa do servizo, co obxectivo de simplificar as rutas, aumentar os recursos dispoñibles e mellorar a puntualidade. A rede pasa de 33 liñas a 15, ao tempo que se incorporan tres vehículos máis, polo que circularán 38 autobuses de maneira simultánea, fronte aos 35 actuais.

Adaptación á cidade actual
O Concello destacou que as modificacións permiten unha mellor adaptación á realidade urbana de Ourense, logo de décadas sen cambios significativos. Un dos fitos é que, por primeira vez, os autobuses cruzarán a Ponte do Milenio, infraestrutura inaugurada no ano 2001 pero ausente da rede até agora.
Outro dos puntos clave é a reorganización dos tempos de percorrido. Están deseñados con marxe para que pequenos atrasos non repercutan nas seguintes saídas, garantindo así un servizo máis fiable.
Principais novidades
Entre as novas rutas destacan as liñas troncais 1-A e 1-B, que conectarán o Vinteún e A Ponte con Barrocás cunha frecuencia de ata 15 minutos. A liña 2-A, a máis longa, unirá Santa Cruz de Arrabaldo con O Cumial, pasando polo centro, a estación e a Universidade Laboral.
Mantéñense rutas clásicas como a liña 5 (Reza-Ceboliño) e a 7 (A Valenzá-Covadonga), pero con melloras en frecuencia e percorrido. Ademais, barrios como San Francisco, historicamente mal conectados, verán reforzado o seu servizo coas liñas 6, 11 e 13.
A rede tamén incorpora unha liña nocturna (14) mellorada respecto ao actual Moucho Bus, e mantén opcións singulares como o Tren Chuchú, agora identificado como liña 15.
Un servizo máis eficiente
Segundo explicou o goberno municipal, esta primeira fase busca garantir un transporte público máis sinxelo, eficiente e útil para a veciñanza. En 2026 prevese unha segunda fase coa posta en marcha dunha gran liña circular que completará a reorganización do servizo.