Ourense leva o piano a 500 escolares de 4º de Educación Primaria a través dun ciclo de concertos didácticos impulsado polo Concello.
A iniciativa, incluída na programación educativa municipal, desenvólvese esta semana en oito centros educativos da cidade. Esta proposta achega a música clásica ás aulas cun formato participativo.
O Concello de Ourense achega o piano a 500 escolares
As sesións están a cargo de María Mendoza, recoñecida pianista, compositora, directora de orquestra e docente, que se despraza aos colexios para ofrecer concertos de 70 minutos.

O programa estrutúrase en tres bloques: explicación das características técnicas do piano, interpretación de obras da literatura clásica e composición en vivo, coa implicación directa do alumnado.
A concelleira de Educación, Tamara Silva, asistiu esta mañá á sesión celebrada no CEIP Seixalbo, un dos centros participantes. Tamén participan os centros CEIP Prácticas, Albino Núñez, Mariñamansa e O Couto, o CPR Padre Feijoo, o CPI José García García–Mende e o CEIP Manuel Sueiro.
Formación teórica e práctica
O proxecto busca que o alumnado non actúe só como espectador, senón que interactúe coa música. Durante os concertos, os escolares poden coñecer as partes do instrumento e o seu funcionamento interno. Tamén poden escoitar en directo pezas de diferentes estilos e autores e participar na creación dunha pequena obra musical. Para este fin empregarán o piano como ferramenta compositiva.

