Noticias

O PSdeG propón axudas a celíacos con baixos ingresos en Ourense

O próximo 16 de maio conmemórase o Día Internacional da Enfermidade Celíaca, unha data que serve para visibilizar as dificultades ás que se enfronta este colectivo e para reclamar medidas que melloren a súa calidade de vida.

Con ese obxectivo, o grupo municipal socialista de Ourense levará ao pleno ordinario deste mes unha moción para impulsar medidas de apoio ás persoas celíacas con menos recursos económicos.

O PSdeG propón axudas a celíacos con baixos ingresos en Ourense

A portavoz do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González, defenderá a creación dunha liña específica de axudas municipais para familias celíacas con baixos ingresos. “A Asociación de Celíacos de Galicia estima que o 1% da poboación padece esta enfermidade, o que supón arredor de 27.000 galegos e galegas. Con todo, ata un 80% segue sen diagnosticar”, sinala González.

A moción, elaborada en colaboración con Xuventudes Socialistas, tamén propón a posta en marcha da iniciativa “Ourense sen Glute”, unha rede municipal coordinada pola Concellería de Saúde que incluiría campañas de sensibilización, un mapa de restaurantes con opcións sen glute e cursos formativos dirixidos tanto a profesionais da hostalería como á cidadanía en xeral.

O secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia, Xurxo Doval, lembra que a celiaquía implica un cambio drástico na vida das persoas afectadas, tanto a nivel alimentario como social e económico. “Cinco euros poden significar cinco barras de pan convencional ou unha soa barra sen glute”, exemplifica. Doval destaca o impacto económico que sofre este colectivo, motivo polo cal o Goberno central xa rebaixou o IVE destes produtos do 10 ao 4%.

O PSdeG propón axudas a celíacos con baixos ingresos en Ourense
Foto: PSdeG de Ourense

Neste contexto, a mocidade socialista tamén presentou no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei para solicitar a creación de axudas autonómicas destinadas a paliar os sobrecustos nos fogares celíacos con menos ingresos.

A moción socialista inclúe, ademais, unha petición á Xunta de Galicia para que poña en marcha plans específicos de adaptación da hostalería e restauración ás necesidades das persoas celíacas en todo o territorio galego.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.