O Concello de Ourense vén de obter o respaldo xudicial para recuperar a titularidade pública do subsolo da Praza de San Antonio, onde funcionaban un aparcadoiro e varios garaxes privados.
Un auto xudicial emitido este mes recoñece que esta área debe manter a titularidade pública e, por tanto, ser propiedade de todos os ourensáns.
A xustiza avala que o subsolo da Praza de San Antonio siga sendo público
O Concello de Ourense deu un paso decisivo na defensa do patrimonio público ao recibir o aval da xustiza para recuperar a posesión do subsolo da Praza de San Antonio.

A resolución establece dous puntos clave. Por unha banda, autoriza ao Concello a tomar posesión do subsolo, que «nunca debeu deixar de estar baixo titularidade municipal«. Por outra, permite evitar a demolición das construcións existentes, protexendo as estruturas actuais e evitando danos materiais innecesarios.
A orixe deste conflito urbanístico remóntase a unha operación promovida polo exalcalde socialista Veiga Pombo, a través dun convenio asinado coa congregación das Hermanitas de los Ancianos Desamparados e unha empresa privada. Este acordo, cualificado como unha «chapuza ilegal«, foi posteriormente agravado polas actuacións administrativas dos tamén exalcaldes Manuel Cabezas (PP) e Paco Rodríguez (PSOE).
Desde o goberno municipal sinalan que se adoptarán medidas para minimizar os prexuízos a terceiros, en especial aos propietarios de garaxes adquiridos de boa fe. Ademais, unha vez que se consolide a recuperación da posesión, o Concello estudará a posibilidade de licitar a xestión do aparcadoiro como servizo público, co obxectivo de beneficiar ao conxunto da cidade.