Noticias

Ourense renovará o Xardín do Posío con 50 novas árbores e 5.000 plantas

O Concello de Ourense continúa co proxecto de rehabilitación integral do Xardín do Posío, que inclúe a plantación de máis de 50 novas árbores.

Tamén se plantarán 5.000 plantas ornamentais para mellorar a masa vexetal deste espazo emblemático.

Ourense renovará o Xardín do Posío con 50 novas árbores e 5.000 plantas

A intervención forma parte dun plan máis amplo dotado cun orzamento de case 2,6 millóns de euros, co obxectivo de recuperar o valor patrimonial e ambiental do xardín.

Dentro das actuacións previstas, tamén se contempla a eliminación de oito árbores en mal estado ou improcedentes para este contorno. Estes exemplares serían seis Chopos (Populus Nigra Itálica) e dous Plátanos (Platanus Hispanica). Segundo o goberno municipal, estas especies “interfiren con árbores autóctonas de alto valor patrimonial”.

O executivo local xustifica a retirada dos chopos argumentando que “non teñen cabida no concepto de gran xardín que debe representar o Posío, e non unha Alameda ou un parque híbrido”. Engade que, ademais dos problemas alérxicos que provocan, foron plantados a unha distancia inferior aos 15 metros recomendados, afectando ao crecemento dos magnolios existentes.

Rehabilitación do Posío

A rehabilitación do Posío conta co aval das distintas administracións coas que o Concello mantivo diálogo para garantir o respecto ao valor histórico e ambiental do espazo. Esta actuación insírese nunha estratexia máis ampla de reforzo da vexetación urbana. “Non faremos co Posío o que outro goberno fixo co Parque das Mercedes, enchéndoo de pedra nunha aberración medioambiental”, sinala o Concello.

Ourense renovará o Xardín do Posío con 50 novas árbores e 5.000 plantas
Foto: Concello de Ourense

Nos últimos 12 meses, o Concello asegura ter reposto máis de 400 árbores na cidade, un “récord local en plantacións”. Tamén presume o goberno municipal de ser pioneiro ao propor á Xunta e ao Estado a plantación de 10.000 exemplares. Segundo informan, a Xunta comezará a executar esta proposta conxuntamente co goberno municipal este verán.

Se no Concello de Ourense decidimos cortar unha árbore, facémolo por un ben común maior: porque está en mal estado, porque é daniña ou porque será substituída por unha máis axeitada”, conclúen.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.