A Concellería de Seguridade Cidadá do Concello de Ourense reordenará o tráfico nas rúas Benito Vicetto e Telleira, que pasarán a ser de sentido único a partir do vindeiro luns, 8 de setembro, coa fin de mellorar a seguridade viaria e optimizar a mobilidade da zona.
A medida suporá que Benito Vicetto, ata agora de dobre sentido, pase a ser de sentido único ascendente desde a rúa Doutor Temes.
O Concello de Ourense cambia o tráfico en Benito Vicetto e Telleira
Pola súa parte, a rúa Telleira quedará en sentido descendente, desde Bernardo González Cachamuíña cara a Doutor Temes. Con esta reorganización, ademais de incrementar a seguridade, gañaranse prazas de aparcamento e eliminaranse os xiros á esquerda que ata agora dificultaban a circulación.

Segundo informou o Concello, os vehículos que procedan de Bernardo González Cachamuíña e precisen acceder a Doutor Temes deberán facelo a través da rúa Telleira. Os traballos de sinalización comezarán esta fin de semana e, se as condicións meteorolóxicas son favorables, os cambios estarán operativos o luns.