Esta mañá celebrouse no Concello de Ourense unha nova reunión da Comisión de seguimento do PEP-OU, a primeira en tres anos.
A cita tivo lugar tras reiteradas peticións formuladas tanto polo BNG como polo resto da oposición municipal.
O BNG critica a externalización do PEP-OU por parte do Goberno de Ourense
Luís Seara, portavoz do BNG e membro da Comisión, valorou negativamente o feito de que o Goberno local decidise externalizar os traballos de redacción do proxecto. “O que se nos trasladou é que o Goberno vai externalizar os traballos de redacción do proxecto e que a partir de aí xa se irá vendo”, declarou Seara.
Desde a formación nacionalista manifestan o seu rexeitamento frontal a esta decisión. “Nós estamos radicalmente en contra da externalización dos traballos”, afirmou o edil, quen lembrou que “houbo un traballo moi bo feito polos técnicos da casa, nomeadamente os da Oficina de Rehabilitación (PERI), que desmantelou este Goberno Local”.
Segundo Seara, a desaparición desta oficina e a redución de persoal fan imposible avanzar con eficacia no proxecto: “É materialmente imposible que cando desmantelas a oficina e estás reducindo medios humanos os traballos podan avanzar en tempo e forma”.

O BNG tamén critica que a Comisión non fose convocada nos últimos tres anos, o que derivou nunha situación de impás. “Agora ao Goberno éntranlle as presas e decide retomalos a través dunha empresa externa e gastando preto de 400.000 euros”, reprochou o portavoz nacionalista.
O grupo municipal do BNG defende que “os mellores para facer este traballo son os técnicos da desmantelada oficina do PERI, porque son os que coñecen a realidade da cidade e, en particular, da zona histórica”. Para o BNG, estes profesionais teñen o aval do coñecemento, a profesionalidade e a capacidade para desenvolver un proxecto clave como é o do PEP-OU.