Unha asemblea celebrada o venres 6 de xuño en Ourense reuniu colectivos sociais para denunciar a violencia crecente contra persoas sen fogar e con drogodependencias, especialmente nos barrios da Ponte e do Vinteún.
A preocupación céntrase especialmente nos barrios da Ponte e do Vinteún, onde a exclusión social é máis evidente.
Ourense mobilízase contra a violencia social e institucional
O pasado venres, 6 de xuño, celebrouse en Ourense unha asemblea na que participaron diversas entidades e colectivos sociais alarmados pola crecente violencia exercida contra persoas en situación de senfogarismo e drogodependencia.
Durante o encontro, denunciouse que esta problemática deriva directamente da falta de recursos públicos adecuados, da externalización de servizos que deberían ser de xestión directa e da escasa dotación orzamentaria que o Concello e outras institucións destinan ao traballo social. Esta insuficiencia tradúcese nunha preocupante ausencia de profesionais capacitados para atender a estas realidades.
Ademais, alertouse sobre a presenza de grupos fascistas, reforzados por membros procedentes doutros territorios, que están a promover discursos de odio nas redes sociais. Estes grupos chegan incluso a publicar ilegalmente imaxes e datos de persoas da cidade, fomentando un clima de medo entre a clase traballadora.
As súas actuacións, que se producen con total impunidade, xa deron lugar a agresións físicas contra persoas vulnerables.
As persoas participantes na asemblea tamén reclamaron a urxencia de construír un contradiscurso colectivo e transformador que confronte estas ideoloxías extremistas. O obxectivo é frear o avance de iniciativas como as chamadas “patrullas veciñais”, que actúan á marxe da legalidade e contribúen á tensión social nos barrios.

Sinalouse a responsabilidade das institucións na perpetuación da vulnerabilidade e denunciouse a inacción da policía e do sistema xudicial fronte á realidade do narcotráfico na cidade. Recoñecendo que a situación é especialmente grave na Ponte e no Vinteún, insistiron en que as desigualdades afectan con forza o conxunto da cidade.
Exclusión social, drogodependencia e marxinación
A asemblea tamén quixo deixar claro que situacións como a exclusión social, a drogodependencia e a marxinación non son fenómenos naturais nin responsabilidade individual, senón consecuencias directas dun sistema económico que expulsa milleiros de persoas fóra da vida digna. Desemprego, precariedade, abandono institucional, destrución dos servizos públicos, falta de vivenda ou recursos para a saúde mental e as adiccións son, para os colectivos participantes, a verdadeira fonte de inseguridade.
Finalmente, fíxose un chamamento á organización e á solidariedade popular. A seguinte reunión convocouse para o martes 10 de xuño ás 19:30 horas, no barrio da Ponte, coa intención de continuar tecendo respostas conxuntas desde a base veciñal.