O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acompañado do xefe de área de Turismo, Cecilio Santalices; da alcaldesa de Ramirás, Isabel Gil; e do presidente da Mancomunidade Terra de Celanova, Jaime Sousa, visitou esta mañá o establecemento ‘Casa Ramirás’, adherido á nova edición da campaña da Axencia de Turismo de Galicia, ‘Outono Gastronómico no Turismo Rural’.
Pardo destacou que nesta 19ª edición participan 16 establecementos da provincia, ata o 21 de decembro, co obxectivo de “dinamizar o turismo rural, favorecer a desestacionalización neste período e promocionar a nosa gastronomía xunto coas agradables estadías nas casas de turismo rural, con modalidades e prezos atractivos”.
Ourense impulsa o turismo rural con ‘Outono Gastronómico’
O delegado salientou que a iniciativa non só atrae visitantes de fóra, senón que tamén permite aos galegos descubrir a paisaxe, a gastronomía e a calidade dos establecementos rurais de comarcas aínda descoñecidas.

Dende 2007 a 2024, o programa xerou máis de 6,6 millóns de euros en ingresos e contou coa participación de máis de 100.000 persoas.
Menús e experiencias personalizadas
Os establecementos ofrecen dous menús especiais baseados en produtos galegos de calidade. Estes combinan cociña tradicional e innovación, todos comprometidos coa sustentabilidade e o uso de produtos artesanais e de temporada. O menú Outono Gastronómico ten un prezo de 37,50 €/persoa.
Ademais, hai paquetes que combinan hospedaxe e gastronomía:
- Outono Gastronómico: 105 €/persoa en cuarto individual, 165 €/dúas persoas en cuarto dobre.
- Fin de Semana Outono Gastronómico: 165 €/persoa en cuarto individual, 260 €/dúas persoas en cuarto dobre.
- Fin de Semana Familiar: 310 €/dous adultos con 1 neno en cuarto dobre con cama supletoria. 360 €/dous adultos con dous nenos en dous cuartos dobres.
Seis establecementos ourensáns participan tamén no Outono Plus, con actividades complementarias como paseos a cabalo, descenso en kayak, sendeirismo e visitas a adegas con degustación.
Manuel Pardo remarcou que esta iniciativa supón “unha excelente oportunidade para promocionar Ourense e Galicia como destino turístico de calidade durante o outono, unha época ideal para gozar da natureza e da gastronomía local”.