A Coral de Ruada recibiu este xoves a visita do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, quen puxo en valor o papel desta entidade histórica na preservación e difusión da música e do baile tradicionais galegos, recentemente declarados Ben de Interese Cultural (BIC).
Na súa visita á sede da agrupación, Pardo salientou que “a práctica tradicional do baile e da música ten unha fonda pegada no pasado e no presente de Galicia”, lembrando que esta manifestación cultural inmaterial conta cunha ampla traxectoria recollida na literatura etnográfica.
Manuel Pardo destaca o papel da Coral de Ruada na preservación do baile tradicional
O representante do Goberno galego coñeceu de primeira man os proxectos que a Coral de Ruada desenvolve a prol da conservación e transmisión deste patrimonio.

Durante o encontro, o delegado territorial valorou moi positivamente a declaración como BIC da música e do baile tradicionais, unha figura que, segundo indicou, “recoñece o sentir de toda Galicia cun rico patrimonio inmaterial, herdado e enriquecido xeración tras xeración, que chegou ata os nosos días principalmente por transmisión oral”.
Manuel Pardo subliñou tamén que “a nosa cultura tradicional ten na música e no baile unha das súas manifestacións culturais máis significativas”, incidindo en que ambas disciplinas son inseparables dentro da tradición galega, aínda que a música posúe formas de expresión propias máis alá do ámbito do baile.
O delegado agradeceu expresamente á Coral de Ruada o seu “papel esencial, indispensable e xeneroso” para manter vivo e prestixiado este legado cultural ao longo dos anos, así como as súas achegas ao expediente do BIC, incoado en novembro de 2024. “Detrás deste recoñecemento está tamén o voso inquebrantable compromiso con este patrimonio”, afirmou.
Pardo definiu á entidade como “moito máis ca unha agrupación folclórica” e situouna como unha verdadeira institución da cultura galega, lembrando que é unha das formacións máis antigas da Comunidade e que as súas orixes están vencelladas a Otero Pedrayo e á Xeración Nós. Aproveitou, ademais, para felicitala polo Premio Otero Pedrayo 2024, destacando a súa traxectoria de máis dun século levando a música tradicional galega a festivais nacionais e internacionais, así como o seu labor formativo en música, teatro e baile.

