Noticias

Barbadás celebra o III Paseo Literario na honra de Carmen Martín Gaite

O Concello de Barbadás convida a veciñanza a participar no III Paseo Literario “O Piñor de Carmen Martín Gaite”, que se celebrará este sábado, 21 de xuño, a partir das 9:45 horas.

O evento enmárcase no centenario da escritora e incluirá actividades culturais durante todo o ano.

Barbadás celebra o III Paseo Literario na honra de Carmen Martín Gaite

A actividade, conducida polo docente e investigador David G. Couso, permite descubrir espazos e recunchos da parroquia de Piñor que inspiraron a obra da autora, unha das figuras máis destacadas da literatura hispánica do século XX.

A edición deste ano adquire unha relevancia especial ao formar parte do Ano Carmen Martín Gaite, declarado polo goberno local para conmemorar o centenario do seu nacemento. O prazo de inscrición permanece aberto ata este mércores e pode formalizarse a través da web oficial do Concello de Barbadás.

Barbadás celebra o III Paseo Literario na honra de Carmen Martín Gaite
Foto: Concello de Barbadás

Durante a presentación do evento, celebrada na emblemática Fonte do Regueiro de Piñor, o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, destacou a “estreitísima relación” da escritora co municipio, que inmortalizou nas súas novelas baixo o nome de “Trimonte”. “Boa parte da súa obra literaria está impregnada das vivencias que viviu aquí”, afirmou.

O legado de Martín Gaite revive en Piñor

A tenente alcalde e concelleira de Parques e Xardíns, Victoria Morenza, explicou que a fonte foi promovida polo tío da escritora hai case un século, e forma parte do itinerario do paseo. Ademais, o Concello realizou recentemente unha intervención para mellorar o entorno. Morenza tamén anunciou que Piñor será o escenario dunha película sobre Martín Gaite, cuxa rodaxe comezará en setembro.

A concelleira de Cultura, Ana Peleteiro, animou á cidadanía a sumarse á iniciativa. Cada participante recibirá un agasallo como recordo da xornada. Peleteiro lembrou que o paseo é só unha das actividades programadas dentro do Ano Carmen Martín Gaite, que continuará ata decembro. Entre as máis destacadas, subliñou a próxima visita da Ruta Quetzal. Barbadás recibirá a 200 mozos e mozas interesados en coñecer o lugar onde Carmiña pasou os veráns da súa infancia.

Pola súa parte, David G. Couso agradeceu ao Concello “saber ver e valorar” a dimensión literaria de Piñor. “Este lugar transcendeu grazas á literatura; calquera persoa no mundo pode coñecelo a través das páxinas de Martín Gaite”.

O Concello traballa tamén na creación de novos vencellos culturais coa cidade de Salamanca, onde a autora viviu a súa xuventude. Toda a información sobre o programa conmemorativo pode consultarse no apartado “Piñor, lugar literario” da web municipal.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.