Pazolandia, o gran espazo lúdico e familiar do Nadal en Ourense, abre este venres 26 de decembro unha nova edición marcada pola renovación da programación, a inclusión e a seguridade.
Esta edición coincide ademais co 30º aniversario desta cita de lecer infantil organizada pola Deputación de Ourense.
Pazolandia celebra 30 edicións cun Nadal máis inclusivo
A institución provincial aposta este ano por novas atraccións e experiencias. Entre as principais novidades destaca King Joker (Cárcere), unha atracción con cinco gaiolas, movemento circular e unha altura máxima de voo de 18 metros.

Súmase tamén un mural conmemorativo de LEGO, creado expresamente para celebrar as tres décadas de Pazolandia, con máis de 56.000 pezas.
A oferta complétase cun circuíto de coches tolos eléctricos, deseñado para realizar derrapes controlados, e cun labirinto infantil de Halloween, adaptado aos máis pequenos como primeira aproximación a un espazo temático de carácter lúdico-terrorífico.
Aposta pola inclusión e a accesibilidade
A Deputación de Ourense reforza nesta edición o seu compromiso coa inclusión, habilitando unha zona de calma para nenos e nenas con Trastorno do Espectro Autista (TEA), pensada como espazo tranquilo e sen estímulos excesivos. Tamén se crea unha zona de lactancia e unha zona preinfantil, con xogos de construción e xoguetes adaptados ás idades máis temperás.
Dentro desta liña, celebrarase unha sesión específica de Pazolandia Inclusiva o 3 de xaneiro pola mañá, sen ruído ambiental, dirixida especialmente a menores con TEA.
Como medidas adicionais de atención á diversidade, ofreceranse pulseiras identificativas para nenos e nenas con TEA ou necesidades especiais, que permitirán evitar colas, así como auriculares illantes de ruído para menores con hipersensibilidade auditiva. Ambos recursos estarán dispoñibles no stand de información.

A programación inclúe tamén obradoiros sensoriais, como Xogo de fíos, unha proposta creativa que promove o tacto, a imaxinación e o recoñecemento das diferentes capacidades, ademais de sorteos en todas as sesións de Pazolandia.
Dispositivo especial de seguridade
Pazolandia contará cun completo dispositivo de seguridade e emerxencias, con presenza de servizos sanitarios, forzas de seguridade, bombeiros e Cruz Vermella, co obxectivo de garantir o benestar de todas as persoas asistentes durante o desenvolvemento do evento.
Nesta edición está confirmada a participación de 62 concellos da provincia, aínda que a previsión é acadar os 65 municipios, consolidando Pazolandia como unha das grandes citas do Nadal ourensán e un punto de encontro para as familias de todo o territorio provincial.

