O Concello de Ourense xa iniciou a execución do PERTE de Dixitalización do Ciclo Integral da Auga, un proxecto estratéxico que permitirá modernizar a xestión dun recurso esencial mediante innovación tecnolóxica, sustentabilidade e mellora do servizo á cidadanía.
As primeiras actuacións céntranse na substitución de contadores por equipos de telelectura, traballos que xa están en marcha en distintos puntos da cidade.
Ourense inicia o PERTE para dixitalizar o ciclo da auga
O proxecto, denominado “Ourense termal verde e dixital”, conta cun orzamento estimado de 4,5 millóns de euros, financiados no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, tras ser seleccionado na segunda convocatoria do PERTE impulsado polo MITECO. As actuacións están lideradas pola UTE formada por Veolia, como xestora do ciclo integral da auga, e Plexus, como socio tecnolóxico.

Entre as medidas previstas figura a implantación de sistemas de telelectura en máis de 6.500 contadores, especialmente no extrarradio, a sectorización da rede de abastecemento en 40 sectores e a dixitalización de elementos clave do saneamento, incluídas as sete EDAR. Todo o sistema integrarase nun centro de control na EDAR de Reza, que permitirá a supervisión en tempo real.
O PERTE inclúe tamén actuacións de eficiencia enerxética, como a instalación dunha planta fotovoltaica na EDAR de Reza, e a creación dunha plataforma dixital cidadá con información pública sobre o estado da rede. Desde o Concello destacan que o proxecto permitirá “anticiparse a situacións críticas e ofrecer un servizo máis eficiente, sostible e transparente”.

