Os socialistas de Ourense piden que a Xunta de Galicia se posicione a favor de Ourense na carreira por acoller a Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial.
Santiago de Compostela, A Coruña e Ourense presentaron a súa candidatura para acoller esta institución de ámbito nacional.
Piden que a Xunta se posicione a favor de Ourense
Ante o reto que supón ser designado como sede desta axencia, o PSdeG-PSOE de Ourense pide que a Xunta de Galicia se posicione con claridade a favor de Ourense. A provincia de Ourense perdeu máis de 130.000 habitantes nos últimos cincuenta anos, «non existe unha debacle demográfica similar en toda España».
A designación de Ourense coma sede suporía un importante impulso para loitar contra o despoboamento. Esta problemática é un dos principais aspectos a ter en conta para fixar o destino da sede. «Resulta evidente que a implantación da AESIA en Ourense sería un pulo a medio e longo prazo para a economía e a demografía», insisten os socialistas.
Acoller esta axencia permitiría dar tamén un pulo ó tecido empresarial e social. Ante a situación na que se atopan as distintas candidaturas, o PSdeG-PSOE solicita unha «candidatura ourensá para representar a toda Galicia».