Desde o grupo do PSdeG-PSOE no concello de Lobios piden solucións urxentes para o embarcadoiro de Aceredo ante a situación de deterioro que sofre.
A substitución de elementos rotos, traballos de desbroce e unha limpeza do lugar son algunhas das medidas solicitadas polos socialistas.
Piden solucións para o embarcadoiro de Aceredo
No ano 2010 e cunha inversión de 400.000 euros construíuse o embarcadoiro de Aceredo na parroquia de San Salvador de Manín. «Unha idea estupenda, xa que promovía a materialización dun proxecto dun carácter eminentemente turístico e de gran beneficio para Lobios, pero a día de hoxe atópase nun estado calamitoso».
Esta situación foi empeorando «ante a falta de mantemento e reparacións» dos últimos anos. Patrick Rodríguez, concelleiro do PSdeG-PSOE en Lobios, indica que «xa houbo numerosas reclamacións tanto por colectivos veciñais como polo propio PSOE para arranxar o pantalán e a contorna».
Para por fin a esta situación, desde o PSdeG-PSOE de Lobios solicitan que se potencie este lugar para fomentar «a dinamización turística do noso concello e o uso e desfrute por parte dos propietarios de embarcacións que queiran empregalo».