A edil do grupo municipal socialista en Ourense, María Fernández, alertou esta semana da “precariedade” na que funciona actualmente o Concello, cunha situación económica que cualificou de “complexa” debido a problemas de xestión orzamentaria, débedas acumuladas e falta de planificación.
María Fernández propón destinar o remanente millonario a necesidades urxentes como persoal, servizos públicos ou programas sociais
O PSdeG propón un plan de investimentos co remanente municipal
Logo da recente aprobación inicial do orzamento municipal, o PSdeG considera que “a situación non vai mellorar a curto prazo” e presentará no pleno ordinario de agosto unha iniciativa para que o goberno local elabore un Plan de Investimentos financiado con cargo ao Remanente de Tesourería.

Segundo os datos da liquidación orzamentaria de 2024, o Concello conta cun remanente de 177 millóns de euros, dos que estarían dispoñibles uns 145 millóns para gasto xeral. “Mentres o remanente medra, as necesidades da cidade seguen sen cubrirse”, advertiu Fernández. Entre elas, sinalou o atraso no pago de nóminas e a provedores, o deterioro de servizos básicos, o abandono do rural ou a falta de programas sociais.
Por este motivo, os socialistas propoñen que se prioricen investimentos “financeiramente sostibles e a longo prazo”, canalizados a través do que denominan Plan ReXenera Ourense, un proxecto que debería ser “consensuado, viable, legal e transparente”.
Ademais, o PSdeG defenderá a creación dun Plan de Pago a Provedores co obxectivo de reducir o período medio de pago do Concello a menos de 30 días no primeiro semestre de 2026. A formación entende que saldar as débedas con persoal e empresas contratistas debe ser unha prioridade para garantir o funcionamento básico da administración local.
Fernández criticou a “falta de ambición” do goberno de Jácome e advertiu que, se non se pon en marcha unha planificación seria, a cidade seguirá perdendo oportunidades de desenvolvemento e calidade de vida para a veciñanza.