Conoce Ourense

A Pobra de Trives, terra de contrastes

A Pobra de Trives, terra de contrastes. Artigo de Zaida Olmedo Rodríguez.

No macizo central ourensán, entre os ríos Navea e Bibei, atopamos A Pobra de Trives, un concello no que a historia e os recursos naturais fúndense en perfecta simbiose.

Mergullámonos nestas terras pola. Vía Nova, unha antiga calzada romana que unía Braga con Astorga.Por ela descendemos ata a ponte Bibei que, dende o fondo do seu val e rodeada de socalcos, achega esta comarca á veciña Valdeorras. Un miliario e unha columna conmemorativa, situados nas súas inmediacións, completan este conxunto monumental.

No outro extremo do concello, a ponte Navea, romana nos seus inicios, acompañada coa capela da Encarnación e a súa cruz de Malta, fálanos de ordes militares e rutas xacobeas, desta volta xa en pleno medievo.

A Pobra de Trives terra de contrastes
Ponte Navea

Medieval é, tamén, o antigo mosteiro de San Salvador de Sobrado. A súa igrexa, románica do século XII, trasládanos á época das monxas e abadesas que o habitaron ata o século XVI. Os seus arredores, salpicados de casas señoriais e pazos como o de Barbeirón ou o Cobato, son testemuña do espléndido pasado do lugar.

Viaxamos agora ata a época contemporánea para descubrir os sequeiros. Un roteiro na Pena Folenche que nos conduce, por un bosque máxico, ata estas pequenas construcións feitas para secar as castañas. Só nos queda subir ao miradoiro situado no alto da rocha, a mesma da que conta a lenda que o Apóstolo Santiago saltou co seu cabalo para deixar a súa pegada na cercana fraga de Río. Dende este lugar privilexiado gozaremos coas vistas dos cumios de Pena Trevinca e Cabeza Grande de Manzaneda.

A Pobra de Trives, terra de contrastes

Rematamos o noso percorrido cun paseo pola vila. Dirixímonos, primeiro, ao antigo Colexio Santa Leonor onde se localiza un dos tesouros mellor gardados dos triveses, o Museo da Escola e da Infancia, un espazo para coñecer o noso pasado máis próximo.

Zaida Olmedo

Non moi lonxe de alí atopamos o antigo Casino, hoxe vivenda particular. Nos seus salóns reuníase, entre finais do século XIX e principios do XX, a alta sociedade trivesa. Continuamos o noso camiño deténdonos na Praza do Grifo para contemplar o Pazo do Marqués, que garda no seu interior un xardín botánico e antigüidades romanas como aras e miliarios. Perdémonos entre as rúas do centro histórico para descubrir casas con amplas galerías que circundan acolledoras prazas.

Entre todas elas sobresaen a do Reloxo e a do Pilón, centro neurálxico da vila, dende a que se observa, maxestosa, a Casa Grande de Trives, aí emprazada dende o século XVII. Non nos queda nada máis que degustar o doce típico, a afamada bica de Trives, que conta coa súa propia festa gastronómica, recoñecida de interese turístico galego, a última fin de semana de xullo.

Chegamos ao fin desta breve viaxe deixando espazo para descubrir algún dos segredos que aínda agocha este concello: cruceiros, aras romanas, unha antiga fábrica de chocolate ao carón dunha vella ponte, miradoiros asomados a profundas gargantas, roteiros entre soutos e fervenzas… todo un patrimonio cultural e paisaxístico que agarda por nós nesta terra de contrastes.

A Pobra de Trives, terra de contrastes. Artigo de Zaida Olmedo Rodríguez.

Podes ler máis artigos da investigadora Zaida Olmedo no seu blog: https://ashistoriasdeleo.wordpress.com/

Botón volver arriba