Podemos Ourense denuncia a estigmatización e criminalización de persoas sen fogar tras a difusión de vídeos nas redes sociais sen consentimento.
A formación asegura que estes perfís están a compartir contidos con imaxes de persoas en situación de exclusión social, claramente recoñecibles e sen o seu consentimento, moitas veces sen que exista vinculación con ningún tipo de actividade delituosa.
Podemos Ourense denuncia criminalización de persoas sen fogar
Podemos Ourense denunciou publicamente a situación de «vulneración de dereitos fundamentais» que, segundo indican, está a producirse na cidade coa difusión de vídeos e fotografías de persoas sen fogar. Estas publicacións realizanse a través das contas de redes sociais @accionciudadanaourense e @radarvecinal21.
«Trátase dunha práctica que atenta contra dereitos como o da imaxe e a dignidade«, subliñan, alertando do clima de odio e violencia que se está a xerar tanto nas redes como nas rúas.
Ante esta situación, Podemos Ourense presentou un escrito formal ante a Fiscalía solicitando que se investigue a actividade destas contas. Tamén se solicita a identificación das persoas responsables e a adopción de medidas fronte á posible incitación ao odio e á criminalización da pobreza.
Ao mesmo tempo, tamén se dirixiron ao Concello de Ourense e á Policía Local para reclamar actuacións urxentes fronte ás chamadas “patrullas veciñais”. Segundo denuncian, operan sen ningún tipo de habilitación legal. A formación considera que estes grupos están usurpando funcións públicas e poderían incorrer en comportamentos intimidatorios ou coercitivos.
Estas patrullas, afirman, están a ser visibilizadas e promovidas precisamente polas contas mencionadas, contribuíndo a un ambiente de persecución inaceptable contra colectivos especialmente vulnerables.

Desde Podemos Ourense manifestan a súa comprensión co malestar veciñal ante a falta de respostas reais por parte do Concello. Insisten desde a formación que «o sinalamento, o acoso e a violencia non son nunca o camiño«. «A pobreza non é un delito, e ningunha persoa debería ser tratada como sospeitosa por durmir na rúa ou ter problemas de saúde mental ou adiccións«, conclúen.