Podemos Ourense reclamou a dimisión inmediata do alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel Doval, tras coñecerse a través de El País un novo caso de presunto acoso sexual e laboral nun concello de Ourense.
Segundo a información publicada, unha militante socialista denunciou ter sufrido acoso sexual por parte dun concelleiro e, posteriormente, represalias en forma de acoso laboral atribuídas ao propio rexedor tras formalizar a denuncia.
Podemos Ourense esixe a dimisión do alcalde de Barbadás por un caso de acoso
Desde a formación morada subliñan que o sucedido non é un feito illado, senón que se enmarca nunha crise máis ampla no PSOE, marcada nas últimas semanas por denuncias reiteradas de acoso sexual e por críticas á xestión interna destes casos. Podemos Ourense sinala que militantes, organizacións e administracións socialistas veñen reclamando máis contundencia e transparencia, precisamente pola repetición destas situacións.
Nun comunicado, Podemos Ourense fixa unha posición clara. Considera que “non é aceptable que quen ten responsabilidades públicas presuntamente represalie a quen denuncia” e que “as persoas investigadas e sinaladas por actuacións deste tipo non poden continuar exercendo cargos públicos nin orgánicos”. A formación lembra que Valcárcel Doval xa foi instado polo seu propio partido a abandonar cargos, aínda que advirte de que as medias medidas son insuficientes.
Para Podemos Ourense, “a gravidade das acusacións expón a necesidade dunha dimisión política inmediata do rexedor”, así como de “calquera outra persoa con responsabilidades de poder e representación implicada ou que contribuíse a impedir unha xestión serena, eficaz e protectora das vítimas”.
A organización tamén critica a postura de José Ramón Gómez Besteiro, ao considerar “incompatible coa defensa dos dereitos das vítimas” o feito de “xustificar ou matizar a responsabilidade política do propio partido” sen asumir, segundo indican, “a responsabilidade da dirección polo coñecemento previo de denuncias e pola falta de medidas preventivas e de acompañamento”.
Investigación independente
Ademais, Podemos Ourense reclama unha investigación independente sobre todas as denuncias presentadas no seo do PSOE en Galicia, así como, de ser o caso, a apertura de vías xudiciais e administrativas externas. Pide tamén protocolos efectivos e inmediatos de protección fronte ao acoso en todas as administracións públicas e políticas reais de igualdade, baseadas na protección das vítimas e na depuración de responsabilidades.
No seu posicionamento final, a formación asegura que “en democracia, o feminismo non ten sentido se non vai acompañado de accións contundentes” e advirte de que Ourense non pode ser cómplice nin silenciosa ante “dinámicas de poder que reproducen violencias machistas”, mesmo, sinalan, “entre quen se autoproclaman defensores da igualdade”.

