Podemos Ourense anunciou a presentación de escritos ante a Consellería de Igualdade, a Consellería de Educación e o Concello de Ourense para impulsar medidas de sensibilización, prevención e protección fronte á proliferación de contidos sexuais en internet, como os difundidos no coñecido Foro Spalumi.
A formación considera que este tipo de espazos dixitais difunden relatos sexuais explícitos, valoracións degradantes sobre mulleres e datos de localización. Ao seu xuízo, supón unha forma “vergoñosa” de trato e contribúe a normalizar a prostitución na sociedade.
Podemos Ourense pide medidas contra foros sexuais
Segundo trasladan desde o partido, estes foros non só cosifican ás mulleres. Advirten que tamén alimentan a percepción de que a prostitución resulta socialmente aceptable ou inevitable. Advirten de que esta dinámica impacta directamente na igualdade de xénero, na dignidade e na seguridade das mulleres.

Podemos Ourense apoia a súa denuncia en datos recentes do Ministerio de Igualdade. Estes sitúan en 114.576 as mulleres en situación de prostitución en España, arredor do 0,56 % da poboación feminina adulta. Engaden que estudos especializados apuntan que ata un 24 % podería atoparse en contextos de vulnerabilidade ou risco de explotación sexual.
O portavoz da formación en Ourense, Francisco Diéguez, afirmou ante a militancia: “Non estamos ante un simple debate moral, senón ante unha cuestión de dereitos fundamentais, igualdade e dignidade humana. Foros como Spalumi non só tratan ás mulleres de xeito vergonzoso, senón que contribúen a naturalizar un sistema que explota e hipersexualiza corpos, moitas veces en contextos de extrema vulnerabilidade. A difusión pública de relatos íntimos e datos de localización en internet pode xerar riscos reais para a seguridade das mulleres e consolidar estereotipos contrarios á igualdade.”
Entre as propostas rexistradas, a formación inclúe:
- campañas de sensibilización sobre violencia dixital e respecto á intimidade,
- reforzo da educación en igualdade e privacidade,
- programas de alfabetización dixital crítica nos centros educativos e
- maior coordinación institucional para protexer ás persoas afectadas.
Diéguez concluíu: “A igualdade de xénero tamén se defende nos espazos dixitais. Educar, previr e protexer debe ser unha prioridade da acción pública.”

