Noticias

Podemos Ourense reclama reactivar a UMAD e impulsar a acción social na Ponte

O grupo municipal de Podemos Ourense presentou tres requerimentos dirixidos ao Concello nos que propón medidas concretas para reforzar a intervención social na cidade.

As propostas céntranse na reactivación da Unidade Municipal de Drogodependencias (UMAD), a implantación de orzamentos participativos no barrio da Ponte e a creación dunha Brigada Municipal de Intervención Comunitaria.

Podemos Ourense reclama reactivar a UMAD e impulsar a acción social na Ponte

No primeiro dos textos, Podemos denuncia que a desactivación da UMAD privou Ourense dunha ferramenta esencial para abordar as adiccións, unha problemática que, segundo alertan, continúa en aumento. A formación pide a súa reactivación cun equipo profesional especializado, a sinatura de convenios co SERGAS e entidades sociais con experiencia no eido das adiccións, e unha liña orzamentaria plurianual que garanta a continuidade do servizo. Ademais, propoñen integrar a UMAD no futuro centro municipal de inclusión social, que podería situarse na antiga Prisión Provincial.

Podemos Ourense reclama reactivar a UMAD e impulsar a acción social na Ponte

A segunda proposta céntrase no barrio da Ponte, que Podemos considera un dos máis poboado pero tamén dos máis esquecidos polas políticas municipais. Para revertelo, reclaman a creación dun proceso de orzamentos participativos específicos para o barrio, cunha partida mínima de 250.000 euros anuais destinada a proxectos elixidos pola veciñanza. Tamén solicitan garantir mecanismos transparentes de proposta e votación cidadá, así como a avaliación anual dos resultados.

Por último, o grupo propón a creación dunha Brigada Municipal de Intervención Comunitaria, tamén no barrio da Ponte, como experiencia piloto. Esta brigada estaría formada por profesionais dos servizos sociais, medio ambiente e dinamización cidadá, co obxectivo de dar resposta a situacións de exclusión e conflitos sociais desde unha perspectiva integral e coordinada co tecido asociativo. A idea sería avaliar os resultados e ampliar o modelo a outros barrios como O Pino ou A Carballeira.

Desde Podemos Ourense destacan que estas iniciativas buscan recuperar unha política municipal activa, con resposta pública e especializada para problemas sociais que seguen sen abordarse de maneira estruturada.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.