A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia recoñecerá este venres 18 de xullo, no acto inaugural da súa 41ª edición, a traxectoria de Roberto Pascual cun emotivo Premio de Honra 2025.
O exdirector do festival, que liderou o proxecto dende 2009 ata 2024, será homenaxeado polo seu papel clave na consolidación da MIT como un dos grandes referentes do teatro galego e internacional.
Roberto Pascual recibirá o Premio de Honra na 41ª MIT de Ribadavia
Baixo a nova dirección artística de Sabela Mendoza e Gena Baamonde, o Concello de Ribadavia quere así render tributo a unha etapa histórica na que a MIT se situou entre os festivais máis prestixiosos do panorama escénico. Pascual destacou por manter a esencia comunitaria, transformadora e arraigada do evento, apostando pola cultura como motor de cidadanía e diálogo contemporáneo.

A entrega do galardón terá lugar ás 20:00 horas no marco dun acto inaugural que marcará tamén o inicio dunha nova etapa. Baixo o lema «Escenas en tránsito», a edición de 2025 aposta pola contemporaneidade, os formatos híbridos, a mirada feminista e as prácticas artísticas ligadas ao territorio e á diversidade.
O programa inclúe 23 espectáculos, 5 obradoiros, 3 residencias artísticas e máis de 10 actividades paralelas. A MIT deste ano destaca pola súa programación galega e pola participación de recoñecidas compañías estatais como Cris Blanco, Societat Doctor Alonso, Los Torreznos, Mal Pelo ou La Phármaco. Tamén contará coa presenza internacional de agrupacións de Portugal (Circolando, Patrícia Portela), Italia (Parini Secondo) e Brasil (Mari Paula).
As propostas abordan temas como a memoria histórica e as historias íntimas, a identidade e as fronteiras, a saúde, a disidencia, a ecoloxía ou o pensamento crítico. A só tres días do seu comezo, a venda de entradas individuais continúa aberta, despois de que os abonos pechasen cun récord histórico de vendas.