Os premios Millo e Carozo volveron converterse nunha das citas simbólicas da vida cultural e social ourensá.
Este xoves, 6 de novembro, o Café Cultural Ceres 1894, no corazón do Casco Vello, acolleu a entrega destes galardóns que cada ano recoñecen o mellor e o peor da actualidade provincial, segundo o criterio dun xurado formado por xornalistas locais de Ourense.
O lume e a memoria marcan os premios Millo e Carozo
O premio Millo, o recoñecemento positivo, foi concedido aos veciños afectados polos incendios forestais do verán e a todas as persoas e colectivos que colaboraron na súa extinción. Recolleron o galardón, moi emocionados, un grupo de veciños de San Vicente de Leira, en Vilamartín de Valdeorras, unha das aldeas máis castigadas polas lapas.

Durante o acto, os premiados expresaron o seu agradecemento e aproveitaron para lembrar a dureza do vivido. “Perdémolo todo, as casas, as árbores, a memoria dun lugar”, explicaron. Denuncian que tres meses despois dos incendios non se iniciaron obras de restauración, malia as promesas feitas. Segundo aseguraron, a burocracia está freando a recuperación das zonas devastadas.
Pola súa parte, o premio Carozo, que simboliza a crítica, recaeu este ano nos negacionistas do cambio climático e na Xunta de Galicia, pola súa xestión e políticas ambientais. A organización convidou á delegación territorial da Xunta en Ourense a recoller o galardón, pero o gabinete de prensa respondeu rexeitando o convite e alegando que o delegado “estivo ao pé do canón durante os incendios”.
A velada coincidiu coa inauguración da exposición fotográfica de Brais Lorenzo. Este documenta con imaxes impactantes os incendios do verán de 2025. A mostra permanecerá aberta durante un mes no local da praza de Saco e Arce. Este lugar convértese nun espazo de memoria e reflexión sobre unha das maiores traxedias ambientais recentes en Galicia.
Os premios Millo e Carozo, promovidos polo Café Cultural Ceres 1894, consolidáronse como un símbolo de recoñecemento cívico e crítica social. Poñen voz cada ano ás causas, persoas e institucións que marcan o pulso da provincia ourensá.

