A veciñanza de Seixalbo, a través do representante veciñal, manifesta a súa preocupación polas consecuencias das obras da Alta Velocidade.
O tramo que afecta a este núcleo rural presenta diversas incidencias, especialmente polos problemas xerados polas augas de escorrentía e pluviais.
Preocupación en Seixalbo polas obras da Alta Velocidade
Ante esta situación, o subdelegado do Goberno, Eladio Santos, a deputada no Congreso Marga Martín e a portavoz do grupo municipal socialista no Concello, Natalia González, reuníronse co presidente da Asociación Veciñal San Breixo, Xosé Carballido, para abordar esta problemática.
Durante o encontro, destacouse que as precipitacións intensas provocan a entrada de auga nalgunhas vivendas e a inundación dunha rúa principal de elevado tránsito. Logo de percorrer a zona, o subdelegado do Goberno comprometeuse a trasladar a problemática a Adif. Tamén trasladará esta situación á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, ademais de tentar visitar as obras co xefe das mesmas.

Con todo, os representantes socialistas lembraron que a responsabilidade principal recae sobre o executivo local, debido á titularidade dos terreos afectados.
Ademais, o grupo municipal socialista preguntou ao edil de Urbanismo, Francisco Lorenzo, se o goberno local era consciente das necesidades da veciñanza e das modificacións urxentes na canalización. Segundo relatou Natalia González, o concelleiro respondeu que enviarían un informe a Adif reclamando que se fixese cargo das modificacións, pero desentendéndose das deficiencias do proxecto que xa superou os procedementos legais e a exposición pública.
Ante esta situación, os socialistas esixen ao goberno municipal de Gonzalo Pérez Jácome que asuma as súa responsabilidades. Ante esta situación, solicitan que se ofreza solucións ás demandas da veciñanza de Seixalbo.